miércoles, 15 de abril de 2020

DESPEDIDA??

Chegou o momento de escribir a entrada de despedida da nosa aventura polo mundo.
Sabiamos que este momento tiña que chegar... pero alá polo mes de xuño, non en abril.
A situación que estamos a vivir obríganos, pola nosa saúde e pola vosa, a ficar nas nosas cosas, onde estamos moi a gustiño e moi ben coidadiños.
Os que nos coñecedes, sabedes que nós non somos de estar quietos, e estar na casa non vai evitar que viaxemos, pero coa nosa mente... coa nosa imaxinación...
A nosa idea era ir a Kenia, e iremos!... pero doutro xeito.

Oxalá todo isto mellore o poidamos volver a contarvos as nosas aventuras, pero o primeiro é o primeiro, así que...
Pero isto non é un adeus, eh? É un ATA PRONTO!! Coidádevos moito porque contamos con vós para seguir compartindo os nosos proxectos. Se non é este curso será o seguinte, pero o importante é que esteamos TODOS!
Unha aperta moi grande e, recordade, quedade na casa!!!

Sofía, Nerea, Carmen, David, profe Olalla e profe Irene.

martes, 7 de abril de 2020

DÍA DOS MORTOS

Unha das últimas cousas que aprendemos de México, antes da volta apresudara aos nosos fogares, foi a súa tradición do Día dos mortos.
Cando o escoitamos por primeira vez pensamos… -Mortos? En serio…? Pero onde nos metemos!!!- e, a ver… témosvolo que recoñecer; deunos un pouquiño de medo. Pero cando comprobamos que eles o vivían como unha festa… quedamos abraiados!
Mirade se é algo importante, que esta festa está declarada Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.
A festa celébrase os días 1 e 2 de novembro e claro, nós non estabamos alí, pero vimos moitas fotos, vídeos… e ata fixeron unha pequena escenificación para nós entendermos mellor a gran homenaxe que lle rinden aos seus mortos.
Os altares que lles preparan son impresionantes! Con cirios, frores, a foto da persoa que se recorda, caveiras, auga, comida…
Foi curioso comprobar a gran diferenza entre eles e nós. Nós asociamos a morte a cor negra, malva… pero eles as cores alegres.
O bo disto é que lle perdemos o medo aos esqueletos, eses que vemos no Samaín pola nosa terra, xa que agora os vemos con outro ollos porque… a ver… ver un esqueleto vestido de charro… medo, medo… non da!
E así, intentando facervos partícipes da nosas aventuras, rematamos a última entrada sobre a nosa viaxe a México. Non vos imos negar que estamos a pensar na nosa próxima parada: Kenya. Se poderemos ir ou non… aínda non o sabemos, é todo moi incerto, pero o que si temos claro é que nós, agora, quedamos na casa.
Esperamos que estedes todos ben.
Coidádevos moito.



GUACAMOLE!

Saúdos dende as nosas casas!
Si, tranquilos, estamos ben e confinados nos nosos fogares. Isto pillounos a todos un pouco por sorpresa pero… o importante é que estamos todos ben.
Despois duns días de tolemia, intentando entender todo o que estaba a acontecer, chegaron estes días nos que temos tempo para xogar, traballar, cociñar, gozar da familia, pensar… e  démonos de conta de que non vos contaramos as nosas últimas aventuras por México.
Antes de volvermos, tivemos a oportunidade de participar nun obradoiro de cociña típica e alí aprendemos a preparar un saboroso guacamole. Non vos imos negar que ao principio non o viamos moi claro pero, unha vez o probamos, pareceunos que estaba moi sabedeiro. De feito, igual ata repetimos e o facemos na casa cosas nosas familias.
Agora que todos temos un pouquiño máis de tempo, animámosvos a que probedes receitas e pratos típicos doutros países. (Si, neste momento, a nós tamén o corpo nos está a pedir máis ben torrixas e incluso filloas… pero vainos dar tempo a todo!)
Esperamos que esteades todos ben. E recordade… nós quedamos na casa.



jueves, 12 de marzo de 2020

CORES, CORES E MÁIS CORES

México desprende cores, tradición e cultura por todas partes.
Esta semana estivemos a coñecer máis de preto a súa  vestimenta. Contáronnos que o traxe nacional
de muller chámase china poblana e o de home charro, pero que teñen moitos máis!
E como xa sabedes que nós somos de probalo todo... alá que fomos! Deixamos aquilo patas arriba! Cada un de nós elixiu o que máis lle gustaba, e resultou que ás rapazas quedamos co que se ven chamando "huipil" e David cun poncho cheo de cores e un gorro que incitaba estar dicindo todo o día; ÁNDELE, ÁNDELE!



jueves, 5 de marzo de 2020

ESCALANDO PIRÁMIDES

Como xa vos contabamos na entrada anterior, estamos metidos de cheo no mundo dos maias.
Desta volta descubrimos unha das súas maiores construcións; as pirámides!
Hai moitas por todo México pero nós decidimos ir a coñecer a de CHICHÉN ITZÁ e a de COBÁ. Mi madriña! O que nos custou subir esta última!




jueves, 13 de febrero de 2020

COÑECENDO OS MAIAS

Como xa vos contamos estamos a coñecer un pouquiño máis sobre a cultura dos maias. É moi interesante!
Quedamos sorprendidos coas súas roupas e tocados. Cantas cores... e plumas... e xoias! Canto máis grande era o seu tocado máis importante era esa persoa!
E vos sabiades que cando se casaban adoitaban facerse tatuaxes?, na nosa terra facémolo porque nos gusta pero eles... é moi curioso! 
Os maias eran artesáns e traballaban con tecidos e cerámica, que foron os produtos que máis chamaron a nosa atención naquel mercadilllo ao que foramos, e que espertou a nosa curiosidade.
Sabemos tamén que eran moi deportistas e pasaban o tempo co "xogo da pelota", que ven sendo uha mestura do noso fútbol e baloncesto.
Cantas cousiñas aprendemos... e cantas nos faltan por aprender !



jueves, 6 de febrero de 2020

NO MERCADILLO...

Na nosa andaina por este fermoso país, decidimos facer unha paradiña para coñecer un dos seus mercados típicos.
Como nos gustou!! Cantas cores e cantos produtos artesáns vimos alí!! (Temos que recoñecer que xa gastamos uns cantos pesos).
Pero sabedes o que máis chamou a nosa atención? Descubrir que había moitos produtos de orixe ou inspiración maia. Isto espertou a nosa curiosidade e decidimos buscar información e aprender máis cousiñas sobre a súa cultura.
Xa vos iremos contando!!